CCOO de Industria | 19 abril 2024.

A Xunta, a gran ausente na crise do COVID-19

    Estamos, moi probablemente, ante a situación máis complexa á que nos enfrontamos coma persoas, coma familias, como traballadores e traballadoras e coma organización sindical. Gostaríanos pensar que, deste escenario tan complexo, aprenderemos algo que nos axude na construción colectiva dun futuro mellor que non deixe a ninguén atrás.

    15/04/2020. CCOO de Industria Galicia
    Xunta de Galicia

    Xunta de Galicia

    Estamos ante unha causa sobrevida, descoñecida e impredecible. Moi complicada de xestionar a todos os niveis, para calquera Goberno, calquera Administración na que toque decidir o rumbo a tomar para dobregar esta pandemia.

    Desde CCOO de Galicia, dende a nosa Federación de Industria, tamén enfrontamos e afrontamos a complexidade diaria de milleiros de traballadores e traballadoras, tamén de empresarios e autónomos que viron como o seus proxectos se desmoronan e periga o seu sustento diario. Tristemente, tamén están aqueles e aquelas que intentan sacar un rédito económico e/ou político en vez de se poñer a disposición do conxunto da cidadanía galega para axudar, propoñer e cooperar nesta situación de emerxencia nacional. Toca, primeiro, combater o COVID-19, e despois, afrontar e paliar as súas consecuencias esixindo responsabilidades.

    En Galicia, ata o día de hoxe, levamos 7.494 casos detectados e 372 falecidos. Isto é o que nos ten que centrar e, nese esforzo, debémonos concentrar. E choraremos, claro que choraremos, uns polos seus e outros polos demais, e algúns incluso se darán conta de que choran por unha sanidade pública privatizada, por unhas residencias de anciáns, as dos nosos avós a avoas, inadecuadas, desamparadas, mal xestionadas, tamén abandoadas a intereses economicistas, e incluso choraremos polos baixos salarios que teñen aqueles que hoxe son esenciais para a nosa saúde.

    Choraremos porque a desindustrialización e a falta de políticas industriais consumirá inxentes cantidades de diñeiro público na compra de materiais esenciais e básicos que non se deberían ter permitido deslocalizar, recursos que poderían utilizarse nas persoas, que hoxe, o están a pasar mal.

    Miles de traballadores e traballadoras galegas enfróntanse hoxe a uns ERTES lexislados polo Goberno do Estado que nos permitirán reanudar a actividades económica, con sorte, unha vez todo isto pase. O peor, os milleiros e milleiros de persoas que foron despedidas á espera de seren contratadas de novo, no mellor escenario.

    E mentres, á Xunta de Galicia nin está nin se lle espera. No marco das súas competencias, non traballa nin executa medidas complementarias que axuden a paliar as consecuencias do COVID-19. A Xunta afonda no seu desprezo á cidadanía galega, no seu desprezo á clase obreira galega como aos milleiros de autonómos e pequenos empresarios que están a sufrir os duros envites desta crise.

    CCOO de Galicia, e a Federación de Industria, que é a nosa, a máis grande e numerosa dentro desta estrutura sindical, puxémonos ao servicio dos traballadores e traballadoras galegos, afiliados ou non, desde o primeiro día, intentando axudar, aportar e colaborar, coa nosa experiencia, que, pese a algúns, é moita e de calidade e dende a realidade que nos proporciona o día a día con todos eles.

    E, como non podía ser doutro xeito, tamén nos puxemos a disposición do Goberno da Xunta de Galicia e das súas diferentes Consellerías, coma sempre, sen dobres voltas, sen intencións agachadas, sen ánimo de molestar, con humildade, coa única intención de mellorar as condicións laborais e, neste caso, sanitarias do conxunto da cidadanía galega, entendendo que é a única maneira de loitar contra o descoñecido.

    E fixemos as nosas propostas, propostas traballadas, consensuadas, razoables, necesarias e urxentes. E a Xunta de Galicia non só non as estudou, senón que nin as debateu e nin tan sequera nolas negou. O silencio foi a súa gran resposta. O silencio a propostas como a petición de información diaria e completa dos expedientes de regulación presentados en Galicia, como a petición de completar ata o 100% as cantidades reicibidas polos traballadores e traballadoras no desemprego ou como a petición dun bono extraordinario de conciliación de 500 euros para familias nas que un dos seus proxenitores precise acollerse á dispensa do traballo por garda legal ou coidado de menores -derivado do peche dos centros escolares e dos centros de dia-.

    Tamén ofreceu silencio a cuestións como a proposta de facer as probas do COVID-19 a todo o persoal sanitario, á proposta dun plan de inspección urxente da autoridade sanitaria para todos os centros de maiores privados, á prohibición da liberdade de horarios, á proposta de mantemento dos contratos públicos mentres dure o estado de alarma, á petición de axudar a colectivos que contan con características especiais como son os sector pesqueiro e o colectivo de empregadas de fogar ou a petición de validar os protocolos de seguridade dos centros de traballo. Todas istas, peticións realizadas por CCOO de Galicia antes do 20 de marzo de maneira clara e explícita.

    A falta de respecto cara CCOO é patente, e, por extensión, ao conxunto da clase traballadora galega que representamos. Unha vez máis, a inacción como parella de baile do Goberno autonómico galego.

    Agora ofrecen silencio, si, pero cando todo isto acabe, terán que explicar moitas cousas. Terán que explicar a situación de precariedade na que todos e cada un dos sanitarios galegos tiveron que sobrevivir nesta crise sanitaria, terán que explicar a situación de abandono na que se encontraban os noso avós a avoas, terán que explicar as políticas sobre industrialización, sobre dixitalización, sobre industria 4.0, que agora se descubren valeiras ante a falta de capacidade de realizar teletraballo ou, simplemente, de que os nosos nenos e a xuventude non poian continuar cos seus estudos telematicamente dende casa. Terán que explicar as consecuencias das crúas políticas neoliberais encamiñadas a engrosar as fortunas dos máis ricos deixando de lado o benestar de todos os galego e galegas.

    Artigo de opinión

    Eugenia F. Fajardo

    Economista e Rep. Organización CCOO Industria Galicia