CCOO de Industria | 19 abril 2024.

O Supremo ratifica a «mala fe» de Alcoa e confirma a nulidade do ERE para a fábrica de San Cibrao

    O pleno da sala do social do Tribunal Supremo acordou hoxe ratificar a sentenza emitida hai case un ano polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia respecto do ERE de Alcoa para a fábrica de San Cibrao. Isto significa que o alto tribunal confirma tanto a nulidade do despedimento colectivo como a «mala fe» con que a multinacional estadounidense levou o proceso.

    28/10/2021.
    Temas
    Na fotografía, xornada de folga en Alcoa no mes de setembro de 2021

    Na fotografía, xornada de folga en Alcoa no mes de setembro de 2021

    A falta de coñecer a redacción definitiva da sentenza, o presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan (CCOO) aplaude a resolución xudicial. «Demóstrase, unha vez máis, que quen tiñan a razón eran os traballadores e non a empresa, que pretendía executar un despedimento inxusto», afirma.

    O sindicalista salienta a importancia da unidade sindical, das traballadoras e dos traballadores, así como «a posición de toda unha comarca» en defensa dun proxecto industrial. «Defendemos que a solución non era parar as cubas, senón seguir producindo, e isto é o que confirma agora o Supremo», incide Zan.

    Para o presidente do comité, «foi unha vergoña todo o que aconteceu» ao redor do expediente de regulación de emprego. Por iso, Zan ten a convicción de que «Alcoa debe abandonar este país xa» e iso só o pode garantir o Goberno de España mediante unha intervención pública. «A única fórmula que hai chámase SEPI», apunta o sindicalista.

    Mediante este ERE, Alcoa pretendía botar á rúa a 524 traballadores e traballadoras da planta de aluminio de San Cibrao —no concello de Cervo, na Mariña.

    Na sentenza emitida o 17 de decembro do 2020,m o TSXG concluíra que a única pretensión de Alcoa consistía en paralizar as cubas de electrólise, xa que iso obrigaría ao peche forzoso debido ao millonario custo a súa hipotética reactivación.

    O TSXG tamén apreciara «sumamente significativo» o número de traballadores e traballadoras afectados polo ERE, cunha porcentaxe que se aproximaba, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias, lle permitirían a Alcoa consolidar as axudas recibidas das administracións públicas sen ter que devolvelas.

    A sentenza do alto tribunal galego, confirmada agora polo Supremo, tamén aludía ás «supostas concesións» realizadas por Alcoa durante a negociación. Segundo o TSXG, producíronse «coa finalidade de evitar a cualificación de nulidade do despedimento, única que lle impediría levar a cabo a decisión estratéxica de paralización das cubas e o peche da fábrica».