CCOO de Industria | 7 diciembre 2025.

O Supremo recoñece relación laboral en Coren Ourense: nova vitoria contra as falsas cooperativas no sector cárnico

  • A Sala do Social (STS 906/2025, 15 de outubro) estima os recursos de CCOO Industria e da TGSS, casa a sentenza do TSXG de 26/07/2022 e declara que as persoas de Servicarne que traballaban en Coren eran persoal asalariado de Cooperativas Orensanas SCG.

O Tribunal Supremo dictou unha sentenza clave que unifica doutrina e reforza a loita sindical contra o modelo de falsas cooperativas no sector cárnico. A resolución recoñece que Servicarne operaba como mera intermediaria de man de obra e que a empresa principal (Coren Ourense) era a auténtica empregadora. CCOO Industria de Galicia celebra este paso adiante, froito de anos de acción sindical e colaboración coa Inspección de Traballo, que consolida o camiño aberto noutros centros e territorios.

30/10/2025.
15 de Outubro de 2025

15 de Outubro de 2025

O Tribunal Supremo (Sala do Social) ditou a Sentenza 906/2025 no recurso de unificación de doutrina 2969/2023, con ponencia do maxistrado Juan Molins García-Atance, pola que estima os recursos de casación formulados pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TGSS) e pola Federación de Industria de CCOO. A sentenza casa e anula a resolución do TSXG (26/07/2022) e revoga a de instancia do Xulgado do Social nº 4 de Ourense (14/01/2020), declarando a natureza laboral da relación entre Cooperativas Orensanas SCG (Coren) e as persoas que prestaban servizos nas súas instalacións baixo a cobertura de Servicarne.

¿Que di o Supremo?

  • Empregadora real: Coren é a auténtica empregadora das persoas que traballaban nas súas instalacións, malia figuraren como “socias” de Servicarne.
  • Servicarne, aparencia e fraude de lei: A sentenza constata que Servicarne carece de infraestrutura real e actúa como mera cesión de man de obra, encadrándose no art. 1.1 ET (definición de empregador) e na prohibición de cesión ilegal do art. 43 ET, así como no art. 6.4 do Código Civil (fraude de lei).
  • Unificación de doutrina: O Supremo alíñase co criterio xa fixado na STS 1154/2024 (Pleno, 24/09) e na STS 492/2025 (28/05), reforzando unha lectura coherente para casos análogos do sector cárnico.
  • Contexto contencioso-administrativo: O fallo lembra a firmeza da descalificación administrativa de Servicarne como cooperativa (Audiencia Nacional, 15/03/2023; inadmisión de recurso polo TS, 02/10/2024), o que avala o carácter aparente da entidade.
  • Efectos sobre cotizacións e dereitos: A natureza laboral implica o encaixe no réxime xeral, con dereitos laborais e de Seguridade Social, así como responsabilidades empresariais en materia de cotizacións, prevención de riscos, salarios e indemnizacións.

¿Por que é importante para Galicia e para o sector cárnico?

Esta resolución consolida o combate sindical contra as montaxes de falsas cooperativas que precarizan emprego e burallan competencia desleal. Engádese ás vitorias acadadas noutros centros e reforza as reclamacións de milleiros de persoas afectadas polo modelo Servicarne no noso país. CCOO Industria leva anos denunciando este sistema, organizando á afiliación, impulsando actuacións inspectoras e defendendo nos tribunais a laboralidade real destes empregos.

A posición de CCOO Industria de Galicia

Para CCOO Industria de Galicia, a sentenza é unha boa nova para a clase traballadora e “un aviso claro” para quen pretenda substituír contratos laborais por falsas fórmulas societarias. Seguiremos acompañando as persoas afectadas, informando dos seus dereitos laborais e de Seguridade Social, e esixindo responsabilidades a quen precarizou emprego e eludiu obrigas.

“Os dereitos non se herdán: deféndense.” Esta vitoria xudicial é tamén unha vitoria colectiva da organización sindical, da afiliación e da acción sostida no tempo.

¿Que podes facer se traballaches baixo o modelo Servicarne?

  • Contacta con CCOO Industria para revisar a túa situación: encadre, cotizacións, salarios, antigüidade, prevención e posibles reclamacións.
  • Afíliate: a afiliación dá forza para defender dereitos no centro de traballo e nos tribunais.
  • Participa nas asembleas e canles informativas do sindicato para estar ao día dos próximos pasos.