CCOO de Industria | 22 mayo 2026.

A afiliación de CCOO di 'SI' e ratifica o preacordo do Metal de Pontevedra

    Tras unha intensa xornada de asembleas nas distintas comarcas, as bases de CCOO Industria Galicia decidiron apoiar maioritariamente o texto acadado coa patronal. Cumprindo co mandato da clase traballadora, o sindicato procederá á sinatura do convenio.

    18/05/2026. CCOO Industria Galicia
    18/05/26

    18/05/26

    O sindicalismo de clase e combativo constrúese desde abaixo, escoitando e dando a palabra a quen levanta o país todos os días. Hoxe, os locais de CCOO Industria nas distintas comarcas da provincia acolleron unha xornada decisiva: as asembleas de afiliación e representación sindical para someter a debate e votación o preacordo do Convenio Colectivo do Metal de Pontevedra.

    Nun ambiente de total transparencia e liberdade de expresión, todas as compañeiras e compañeiros tiveron a oportunidade de tomar a palabra, analizar o momento do sector e debater sobre o texto que, o pasado venres, logramos arrincar á representación empresarial.

    Tras poñer en común todas as posturas, procedeuse a un reconto global e conxunto dos votos emitidos en todas as asembleas comarcais. O exercicio desta democracia interna guindou un resultado: o SI obtivo o apoio maioritario das nosas bases.

    A mobilización como motor do cambio

    Con este mandato soberano, directo e democrático, desde CCOO Industria confirmamos que procederemos á sinatura definitiva do convenio. Desde a organización queremos poñer en valor que este escenario non sería posible sen o compromiso inquebrantable das persoas traballadoras. Cando a patronal tentou bloquear a negociación con chantaxes e recortes en dereitos históricos, a clase obreira do metal respondeu cunha paralización masiva da produción durante tres intensas xornadas de folga.

    A unidade nas fábricas, nos estaleiros e nas rúas foi a que logrou dobregar o inmobilismo empresarial. A loita colectiva demostrou, unha vez máis, que é a única ferramenta útil para conquistar dignidade nos centros de traballo.

    Desde CCOO Industria Galicia queremos agradecer profundamente a valentía, o compromiso e a madurez democrática de toda a nosa militancia, delegadas e delegados. Demostramos que somos un sindicato vivo, plural e con forza para transformar a realidade.

    Os dereitos conquístanse loitando, e as decisións tómanse xuntas e xuntos. A loita serve!

    Documentación asociada
    Documentación asociada