CCOO de Industria | 30 junio 2026.

HISTÓRICO: As asembleas de CCOO din SÍ por unanimidade ao Convenio do Metal da Coruña e desconvócanse as folgas

  • A postura inflexible de CCOO Industria blinda a saúde laboral e arrinca un incremento salarial do 15% en catro anos ante unha patronal que pretendía o bloqueo

O sector siderometalúrxico da provincia da Coruña pecha un ciclo histórico de mobilización coa cabeza moi alta. As asembleas de CCOO Industria celebradas esta tarde-noite ratificaron por unanimidade o preacordo alcanzado na mesa de mediación do AGA. Ao terse referendado de xeito unánime polo noso activo sindical o texto con todas as melloras conquistadas, CCOO desconvoca oficialmente as xornadas de folga que estaban previstas para os días 30 de xuño e 2 de xullo. Esta vitoria inapelable demostra que cando o sindicalismo de clase escoita as súas bases, non se dobra ante a soberbia patronal e mantén a firmeza, a clase traballadora conquista o futuro. 

29/06/2026. CCOO Industria Galicia
Asamblea realizada esta tarde en Ferrol

Asamblea realizada esta tarde en Ferrol

O mandato soberano das asembleas: a rúa dita o convenio

Esta vitoria non caeu do ceo nin foi unha concesión xenerosa dos despachos. É o resultado directo e lexítimo das oito xornadas de folga xeral que paralizaron os polígonos da provincia e, de xeito moi especial, da postura firmemente inflexible de CCOO Industria na mesa de negociación.

Non cedemos ás presións nin aceptamos a estratexia de desgaste que pretendía impoñer o empresariado. A resposta unánime do noso persoal nas asembleas desta noite valida unha estratexia sindical centrada en pór os dereitos e a dignidade de case 18.000 familias por riba de calquera interese corporativo.

A gran liña vermella de CCOO: Saúde laboral e fin á arbitrariedade patronal

Para CCOO Industria, a protección física e económica das persoas traballadoras máis expostas do sector era unha cuestión irrenunciable e unha liña vermella absoluta na negociación. Conseguimos unha nova redacción do Artigo 46, regulador do Plus de Toxicidade, Penosidade ou Perigosidade, que supón un xiro de 180 graos a favor do persoal.

A partir de agora, o recoñecemento e cobro deste plus vincúlase de xeito automático a todos os postos onde a avaliación de riscos laborais determine que subsiste un risco cualificado como importante que no fose mitigado por medidas de protección colectiva ou individual. Con esta fórmula técnica, CCOO elimina para sempre a arbitrariedade das empresas, garantindo que a compensación pola saúde dependa da realidade técnica do taller e non do criterio do empresariado.

Incrementos salariais e xustiza retributiva

O texto referendado hoxe polas traballadoras e os traballadores delata o fracaso da proposta de miseria inicial da patronal, que pretendía un convenio a cinco anos con apenas un nove por cento de suba acumulada. O novo convenio garante un incremento salarial do 15% acumulado en catro anos, distribuído nun 5% para o ano 2026, un 3% para 2027, un 3% para 2028 e un 4% para o ano 2029. Ademais, conquístase unha clausula de garantia salarial ligada ao IPC sen tope, e cobro de atrasos dende o 1 de Xaneiro. 

Estabilidade no emprego e freo definitivo á precariedade

En materia de contratación, logramos blindar o mercado laboral do metal esixindo un chan mínimo de plantilla fixa do 75% nas empresas, o que garante un emprego estable para a maioría do sector. Do mesmo xeito, regúlase con dureza o uso das Empresas de Traballo Temporal, que quedan totalmente prohibidas para cubrir necesidades estruturais ou para postos de alto risco como os traballos con riscos eléctricos en alta tensión. Para as persoas cun contrato fixo-descontinuo, asegúrase por convenio un período mínimo de actividade deise meses anuais, regulando o dereito a rexeitar ata en tres ocasións chamamentos inferiores a quince días sen perder a preferencia na bolsa. 

Tempo para a vida, vacacións e medidas de conciliación real

A redución do tempo de traballo foi outro dos eixes centrais da nosa loita, conseguindo que a xornada laboral máxima anual baixe de xeito progresivo ata fixarse en 1740 horas no ano 2029. A isto sumamos o aumento das vacacións ata os 25 días hábiles para os anos 2027, 2028 e 2029, xunto co fito de que os días 24 e 31 de decembro sexan considerados no laborais para todo o sector. En canto á conciliación das familias, o acordo recolle de forma pioneira ata 26 horas anuais de licenza pagada para consultas médicas de especialistas e para o acompanamento de fillos e fillas menores de 16 anos, parellas e proxenitores dependentes a cargo.

Cando o sindicalismo no se dobra, a clase traballadora vence

As asembleas amosaron hoxe a madurez dunha afiliación que sabe loitar nas rúas e que sabe cando recoller os froitos dun traballo impecable na mesa de negociación. Desconvocamos as folgas porque os obxectivos foron acadados e blindados con total seguridade no papel. Grazas infinitas a cada persoa, a cada delegada e delegado que mantivo a garda alta na madrugada dos polígonos, pois este convenio é o voso triunfo.

O preacordo asinarase nos vindeiros días tanto en castelán como en galego, deixando patente o noso firme compromiso coa nosa lingua e coa nosa identidade cultural. A folga remata hoxe grazas á ratificación unánime, pero a organización e a vixilancia colectiva para que se cumpra cada liña do pactado comeza mañá mesmo en todas as fábricas e talleres da provincia.