CCOO de Industria | 26 abril 2024.

Marina Meridional despide o presidente e o secretario do comité de Vulcano

    CCOO-Industria denuncia o despedimento do presidente e do secretario do comité de empresa do extinto estaleiro Vulcano, unha actuación que cualifica de «represión» polo labor sindical. Comisións salienta que «non pasou nin un mes» desde que Astilleros San Enrique (Grupo Marina Meridional) se fixo coa concesión das instalacións.

    13/05/2022.
    Fotografía de arquivo dunha protesta en defensa dos postos de traballo no estaleiro Vulcano (Vigo)

    Fotografía de arquivo dunha protesta en defensa dos postos de traballo no estaleiro Vulcano (Vigo)

    O sindicato lembra que o proxecto de Marina Meridional, presentado á Autoridade Portuaria de Vigo, incluía o compromiso de creación de emprego. Porén, «xa está incumprindo ao despedir dous traballadores».

    CCOO-Industria lembra que os despedidos se caracterizan por realizar unha «intensa actividade sidnical» para lograr que as instalacións do extinto estaleiro, situadas en Teis, «sigan tendo uso para a reparación e a construción naval». Reivindicacións que foron constantes nun longo proceso de máis de tres anos —incluída a vía xudicial.

    Como primeira medida, CCOO vai solicitar reunións coas forzas activas da cidade para que coñezan de primeira man a situación e fagan público o seu apoio. Entre outras, pediranse xuntanzas coa Alcaldía de Vigo, a Autoridade Portuaria, a Zona Franca, a Inspección de Traballo de Pontevedra, Asime, Xunta, Igape ou Aclunaga.