CCOO de Industria | 3 mayo 2024.

CCOO Industria Galicia e UGT Fica únense para un PACTO GALEGO POLA INDUSTRIA que reindustrialice Galicia

  • CCOO Industria Galicia e UGT Fica

CCOO Industria Galicia e UGT Fica solicítanlle á Xunta de Galicia que convoque os interlocutores sociais, económicos e académicos para redactar e asinar un PACTO GALEGO POLA INDUSTRIA para unha Industrialización de Galicia xeradora de postos de traballo de calidade e en cantidade e compatible co medio ambiente.

19/04/2024.
Sostenibilidad

Sostenibilidad

CCOO Industria e UGT Fica  consideramos a industria, como xeradora de postos de traballo de calidade e en cantidade e compatible co medio ambiente. Solicitámoslle á Xunta de Galicia que convoque os interlocutores sociais, económicos e académicos para redactar e asinar un PACTO GALEGO POLA INDUSTRIA. 

Pedimos a todos os axentes sociais do noso país un traballo leal na procura dun proceso de desenvolvemento industrial en Galicia. 

No marco da economía circular, da transición enerxética e industrial, e ao abeiro do pulo derivado do proceso iniciado polas institucións europeas de busca da reindustrialización de Europa, debemos ser conscientes de que Galicia ten os recursos para converternos nunha potencia da produción de enerxía renovable, o almacenamento de enerxía, a extracción de minerais estratéxicos e a produción industrial de bens

Contamos cun capital humano formado, con recursos naturais e infraestruturas aproveitables. Galicia ten as condicións para desenvolver unha sólida base industrial, sostible e moderna, que poda impulsar a sociedade cara un elevado nivel de benestar e desenvolvemento, á vez que protexemos o noso entorno e combatemos contra o cambio climático, a perda de biodiversidade e outros problemas medioambientais que nos ameazan.

Estamos nun punto de inflexión histórico no que as alternativas son aproveitar a oportunidade de impulsar o noso desenvolvemento industrial, baseándonos nos nosos recursos naturais, ou deixala pasar e afundirnos na destrución do tecido industrial que queda; non podemos esquecer que a industria é o tractor fundamental da economía.

A clase traballadora debe poñerse mans á obra para contribuír e colaborar con outros axentes sociais e difundir a mensaxe a toda a sociedade de que precisamos unha nova revolución industrial. Debemos deixar claro que sen industria non hai futuro.

O desenvolvemento industrial de Galicia precisa dun gran acordo entre os axentes políticos, económicos e sociais, ao que as organización sindicais de clase debemos contribuír. Galicia ten capacidade para converterse nunha rexión industrial avanzada, competitiva e descarbonizada, capaz de reter e atraer talento e frear o proceso de despoboamento de amplas zonas do noso rural. E debe aproveitala.

Temos confianza nos técnicos e avaliadores o servicio das Administracións Públicas que velan polo cumplimiento de toda a normativa de protección medioambiental que se aplican os proxectos industriais. Temos uns técnicos de sobrada competencia e calidade. 

Debemos traballar para evitar a perda do actual emprego industrial e para conseguir, como mínimo, a creación dos 18 000 empregos industriais directos asociados aos proxectos actualmente en desenvolvemento en Galicia..

Os recursos naturais do país deben reverter no desenvolvemento económico e da calidade de vida de galegas e galegos, con respecto ao noso medio natural, ao noso patrimonio cultural e tradicións.  

Os responsables dos proxectos industriais deben reparar calquera dano causado ao medio ambiente ou ás comunidades locais cando alcanzan a fin do seu ciclo de vida. E han colaborar activamente na busca de proxectos que poidan actuar como substitutos. Tamén han contribuír activamente no desenvolvemento das comunidades onde se implanten.