CCOO de Industria | 28 abril 2024.

CCOO, UGT e CIG alcanzan un acordo coa patronal para ampliar a cobertura da subrogación no convenio da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña

  • Ferrol, 01 de decembro de 2023

A Comisión Negociadora (sindicatos e patronal) do Convenio Colectivo do Siderometal da Coruña asinou no día de onte un acordo de mediación do AGA que amplía as melloras da subrogación en cinco novos sectores produtivos e de mantemento. 

01/12/2023.
Subrogación Convenio Metal A Coruña

Subrogación Convenio Metal A Coruña

Onte xoves 30 de novembro de 2023, nas dependencias da Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña, levouse a cabo unha acto de mediación, ao abeiro do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), no que se trataba a esixencia da parte social para ampliar a cobertura da subrogación que recolle o artigo 11 do actual convenio colectivo do siderometal da provincia da Coruña. 

O acordo acadouse logo dun debate intenso e as pertinentes deliberacións da Mesa Negociadora do convenio colectivo (sindicatos e patronal), reunida nesta ocasión no AGA para tratar este asunto. As partes acordaron finalmente incluír no artigo 11 do convenio colectivo como sectores suxeitos ao réxime de subrogación os seguintes: mantemento de liñas de gas, gasificadoras e biocombustibles, mantemento en plantas de extración e fabricación de produtos minerais e ferroaleacións (silicio, grafito, carbón, etc.), mantemento de instalacións en centros comerciais e mantemento de plantas de tratamento de residuos. 

A mellora en materia de subrogación é unha vella reivindicación da Federación de Industria CCOO e na que coincidimos cos demais sindicatos. A subrogación é para a nosa organización unha ferramenta clave na loita contra a inestabilidade laboral e tamén peza fundamental na prevención da saúde e seguridade das persoas traballadoras, polo tanto, o noso obxectivo seguira sendo mellorar o alcance e cobertura da subrogación en todos os convenios colectivos, sexa cal sexa o seu ámbito.