CCOO de Industria | 2 agosto 2025.

En memoria de Eva Lago, pioneira da loita sindical no naval de Ferrol

  • Ferrol a día 22 de xullo de 2025.

Desde CCOO Industria de Galicia queremos expresar o noso fondo pesar polo falecemento de Eva Lago López, unha muller pioneira no sector naval e referencia imprescindible do sindicalismo en Ferrolterra. Eva Lago entrou no estaleiro da antiga Bazán en 1979 como unha das primeiras aprendices mulleres, abrindo camiño nun espazo laboral tradicionalmente masculino. Comezou traballando como armadora, nun ambiente onde, malia as dificultades iniciais, soubo gañarse o respecto e a complicidade dos seus compañeiros e compañeiras grazas ao seu compromiso, capacidade e valentía.

23/07/2025.
En memoria de Eva Lago

En memoria de Eva Lago

Ao longo da súa traxectoria profesional, Eva seguiu formándose: estudou Relacións Laborais e licenciouse en Ciencias Políticas, o que lle permitiu achegar unha visión ampla e fundamentada á súa actividade sindical. Desde o primeiro momento implicouse activamente en Comisións Obreiras, participando nas mobilizacións pola defensa do emprego e da industria durante os duros anos de reconversión e nas sucesivas crises que afectaron ao estaleiro.

Foi delegada sindical de CCOO durante décadas e membro do comité de empresa, tendo un papel clave nas negociacións de convenios, na defensa dos dereitos laborais e na transmisión de información á plantilla. Tamén colaborou na comunicación sindical e participou activamente en espazos de memoria histórica como os actos do 10 de marzo, mantendo viva a tradición combativa da clase traballadora ferrolá.

Eva Lago foi unha das voces que impulsaron a presenza das mulleres na industria naval e que reclamaron igualdade de oportunidades no acceso, promoción e formación no sector. O seu exemplo axudou a transformar realidades e a abrir portas ás xeracións que chegaron despois.

Desde CCOO Industria Galicia despedímola como o que foi: unha compañeira exemplar, unha sindicalista firme e unha muller que deixará pegada profunda no corazón da clase obreira galega.

O noso afecto e solidariedade esténdese á súa familia, amizades e a todas as persoas que compartiron loitas con ela.

Eva Lago permanecerá sempre con nós, na memoria da loita e na dignidade das traballadoras e traballadores.