CCOO de Industria | 2 agosto 2025.

25 de Xullo: Día da Patria Galega

  • Por unha Galicia que viva do seu traballo, con industria, dereitos e futuro

Galiza vive se traballa. Galiza avanza se loita.No Día da Patria Galega, desde CCOO Industria Galicia alzamos a voz para lembrar que non hai nación posible sen unha clase traballadora con dereitos, sen unha industria forte, e sen emprego digno que sosteña o presente e proxecte o futuro.

25/07/2025.
25 de Xullo - Día da Patria Galega

25 de Xullo - Día da Patria Galega

Un país non se constrúe con discursos, senón con traballo digno

Cada 25 de xullo celebramos a identidade dun pobo que resiste, que loita e que non se resigna. Mais non abonda coa reivindicación cultural: a verdadeira soberanía pasa por poder decidir sobre o noso modelo produtivo, por ter un tecido industrial forte e comprometido co territorio, e por garantir condicións laborais dignas para quen fai funcionar Galicia cada día.

A realidade, é que o noso país leva anos sufrindo unha desfeita industrial:

  •  Peches e deslocalizacións
  •  Emprego precario e baixos salarios
  •  Abandono do rural e das comarcas industriais
  •  Falta de vontade política para un plan industrial galego

 Queremos unha Galicia que non expulse á mocidade.

Non podemos aceptar unha Galicia sen oportunidades, que empurra á súa xente nova a emigrar. Defendemos unha terra que ofreza futuro dende o traballo digno, a innovación industrial e o respecto polos dereitos laborais. E iso non virá da man do mercado nin da resignación, senón da mobilización, da negociación colectiva e da loita organizada.

 As nosas propostas son claras

Desde CCOO Industria Galicia poñemos enriba da mesa as seguintes reivindicacións:

  1.  Un plan galego de reindustrialización, sostible e vertebrador
  2.  Políticas públicas que prioricen a industria fronte á especulación
  3.  Emprego digno, estable e con salarios xustos
  4.  Fortalecemento do diálogo social real, non decorativo
  5.  Compromiso co medio rural, as comarcas esquecidas e a mocidade

 Loitamos por unha Galicia con voz propia no mundo do traballo.

Neste Día da Patria, chamamos á clase traballadora galega a organizarse, a mobilizarse e a participar activamente na defensa dos seus dereitos. Porque Galicia non se defende só cunha bandeira: deféndese esixindo políticas que poñan á vida e ao traballo no centro.

Galiza vive se traballa. Galiza avanza se loita.

Seguiremos na loita, nos centros de traballo e nas rúas, por unha patria con dignidade.