CCOO de Industria | 5 febrero 2025.

A dimensión da igualdade de xénero ha ser integrada de forma explícita e global nas decisións e medidas que se establezan para saír da crise, tamén por parte da Xunta de Galicia

    A Federación de Industria fai un chamamento á participación activa de todas as persoas nos actos convocados para celebrar o 8 de marzo en todas as comarcas. A presenza das compañeiras de CCOO ten que ser visible e importante nas mobilizacións.

    06/03/2013. Ferrol
    Imaxe do cartel do 8 de marzo de 2013

    Imaxe do cartel do 8 de marzo de 2013

    A conmemoración do Día Internacional da Muller 2013 volverá ateigar as rúas en todo o mundo con máis mobilizacións en prol das conquistas legais igualitarias, reivindicando para as mulleres o dereito ao emprego, o dereito á saúde sexual e reprodutiva e ao aborto, e loitando contra a violencia dirixida ás mulleres e contra os recortes aos servizos públicos.

    O 8 de marzo de 2013 será o quinto ano da maior crise financeira, caracterizada por unha destrución de emprego sen precedentes en España, con consecuencias particularmente graves para as mulleres, afectadas directamente pola perda e a maior precariedade dos seus postos de traballo. En Galicia, no ano 2012 temos 125.600 mulleres no desemprego. As mulleres empregadas concentrámonos no sector dos servizos, con empregos precarios, temporais e a tempo parcial. Os sectores de actividade feminizados comparten a miúdo un baixo prestixio social e salarios cativos.

    A brecha salarial de xénero, que chega ata o 26%, é un feito irrefutable e un factor que inflúe fortemente na feminización da pobreza. Os efectos da crise económica están repercutindo de forma desigual en homes e mulleres en materia de emprego e protección social. Para as mulleres, o paro xa tiña antes carácter estrutural, polo que as desempregadas acceden, en xeral, a menos prestacións. Se a iso lle engadimos as consecuencias a longo prazo das súas traxectorias profesionais descontinuas, resultado da necesidade de atenderen o traballo de coidadoras, con empregos precarios, mesmo informais, mal remunerados, a tempo parcial imposto, é obvio que a súa exposición a unha xubilación en risco de pobreza ou de exclusión social se agudiza.

    A crise está a aumentar o empobrecemento da poboación, pero a incidencia é meirande nas mulleres, que se enfrontan con moita frecuencia a numerosas dificultades: familias monomaternais, trabas para teren unha vivenda, asunción da responsabilidade de persoas ao seu cargo; mulleres maiores que non son admitidas no mercado de traballo etc.

    Os recortes ao noso precario modelo de benestar conducen con certeza a que os servizos e atencións que a Xunta de Galicia debera proporcionar sexan encomendados pola vía dos feitos ao medio familiar, cunhas destinatarias asignadas de antemán: as mulleres. A destrución de servizos e empregos públicos impón unha dobre penalización para as mulleres: son elas as que máis saen do emprego público e son elas tamén as que van dispensar os servizos que deixan de prestar as Administracións públicas.

    A mercantilización e a privatización da educación, a sanidade e a dependencia significan, ademais, que a calidade do emprego nestes sectores moi feminizados siga deteriorándose. Os recortes neoliberais, desde a reforma laboral ao desmantelamento dos servizos públicos, coa precarización das condicións de traballo, o descenso dos salarios, a destrución dos escasos servizos de coidados e a debilitación da protección social, conducen a que cada vez máis mulleres se enfronten a unha «dupla pobreza»:pobres en recursos económicos e pobres en tempo dispoñible.

    A saída da crise non debe atopar apoios no traballo informal sen dereitos, nin no subemprego, nin na segregación ocupacional e sectorial para pagar menos por traballos de igual valor, nin no contrato a tempo parcial con peores salarios e prestacións, nin no  emprego do fogar e de coidados sen equidade en dereitos e obrigas.

    A dimensión da igualdade de xénero ten de integrarse de forma explícita e global nas decisións que se adopten para saír da crise: igualdade de oportunidades ao emprego con dereitos, a percibir un salario igual por traballos de igual valor, a estar libre de acoso sexual e por razón de sexo no desempeño laboral. É dicir, que as mulleres non estean «predestinadas» a sectores e ocupacións con baixos salarios, a seren «empregadas a tempo parcial/paro parcial».

    Na saída da crise han reforzarse os baluartes legais de igualdade acadados no noso país coa mobilización histórica e continua das mulleres e mais co diálogo social. As normas contra a violencia de xénero, pola igualdade efectiva de mulleres e homes en todas as ordes da vida, polo dereito á saúde sexual e reprodutiva e o dereito ao aborto, son leis que supuxeron un avance substancial e que, hoxe por hoxe, están poñendo en cuestión os Gobernos do Partido Popular, no Estado e en Galicia.

    Ante a crise do capitalismo, necesitamos «utopías concretas» que nos marquen o camiño. Cómpre poñer en cuestión a forma de vida e de traballo nesta sociedade, unha tarefa que só se pode desenvolver de maneira colectiva. É o momento máis acaído para unha revisión profunda dos valores capitalistas, fortemente ligados aos valores do patriarcado.

    Por iso é indispensable, e así o esiximos este 8 de marzo, que o Goberno do Estado e o da Xunta de Galicia apliquen a dimensión da igualdade de xénero á hora de establecer políticas reais para facer fronte a esta crise.

    O noso compromiso para lograr a aplicación desa dimensión require que as mulleres e os homes de CCOO continuemos coa nosa mobilización e solidariedade, ata lograrmos a igualdade efectiva en todos os eidos da vida.