CCOO de Industria | 23 febrero 2025.

O persoal da téxtil ordense Viriato mobilizarase entre o 9 e o 12 de xuño para esixir o pagamento dos salarios

  • Os traballadores e traballadoras xa presentaron varias denuncias perante a Inspección de Traballo

O comité de empresa de Viriato anuncia mobilizacións os días 9, 10, 11 e 12 de xuño para esixirlle a dirección desta fábrica téxtil de Ordes o pagamento dos salarios. Os representantes legais dos 164 traballadores e traballadoras denuncian os continuos atrasos e fraccionamento dos salarios nos últimos meses, situación que levou a presentar varias denuncias ante a Inspección de traballo.

05/06/2014. A Coruña

Segundo o comité, xa nos últimos anos o persoal estivo cobrando as pagas extra «fóra de prazo». Con todo, a dinámica «agravouse» este ano, xa que a empresa nin procedeu a aboar en marzo a paga de beneficios, nin pagou integramente a nómina de abril ?a día de hoxe, os traballadores e traballadoras só cobraron a metade desa mensualidade.

Tras unha xuntanza coa dirección de Viriato, «non nos concretaron unha data certeira» para facer efectivo o pagamento da parte restante da nómina de abril, denuncia o comité. Peor aínda, «non garanten que se poida pagar o salario de maio en tempo e forma», sinala a representación do persoal.

A situación está a crear un clima de «preocupación, incerteza e desconfianza» entre os traballadores e traballadoras desta empresa, afincada en Ordes desde 1959. Segundo o comité, Viriato incrementou vendas e facturación, polo que rematou o 2013 con beneficios. Porén, a empresa alega problemas de financiamento e falta de apoio bancario e da Administración», explicacións que «non convencen os compañeiros e compañeiras», sinala.

Precisamente, esta desconfianza traduciuse nas denuncias perante a Inspección de Traballo xa referidas e que se formalizaron por impagamentos das pagas de marzo dos anos 2011, 2012 e 2013, así como da extra de nadal do exercicio pasado.

Paros

O persoal da téxtil ordense está chamado a facer un paro de dúas horas en cada quenda ?mañá, tarde e noite? os días 9, 10, 11 e 12 de xuño. Se a dirección da empresa seguise sen establecer unha forma de pagamento da débeda, o comité convocaría novas accións.

Desde o comité afirman «entender» a «complicada» situación do sector téxtil en Galicia, pero con estas mobilizacións pretenden reprobar o xeito de actuar dos responsables da empresa, pois consideran que non están a tomar as «decisións axeitadas». Critican, por último, que a dirección de Viriato S. A. adopte unileralmente decisións como o fraccionamento das pagas sen negocialo co comité nin informar con abonda antelación o persoal.