CCOO de Industria | 23 febrero 2025.

Seguimento «masivo» dos paros en Viriato para esixir o pagamento dos salarios

  • ?CCOO rexeita as afirmacións do responsable de recursos humanos da empresa, quen responsabiliza o sindicato e o persoal da situación actual

Comisións Obreiras de Industria de Santiago cualifica de «masivo» o seguimento dos paros convocados en Viriato para esixir o pagamento dos salarios. O comité de empresa da téxtil de Ordes convocou paros entre os días 9 e 12 de xuño en todas as quendas de traballo.

11/06/2014. Santiago
Imaxe do primeiro dos paros organizados polo cadro de persoal da empresa téxtil Viriato (Ordes)

Imaxe do primeiro dos paros organizados polo cadro de persoal da empresa téxtil Viriato (Ordes)

Antes de se anunciaren as mobilizacións, a empresa debíalle ao persoal a metade da nómina de abril, así como a nómina de maio e a paga de beneficios que se aboa en marzo. CCOO destaca que as protestas están a ter efecto, xa que a empresa procedeu ao pagamento do que faltaba dos salarios de abril, ben que mantén o resto da débeda co persoal.

Desde o primeiro momento, desde CCOO e desde o comité afirmaron «entender» a «complicada» situación do sector téxtil en Galicia, ao tempo que aclararon que coas mobilizacións se pretende «reprobar» o xeito de actuar dos responsables da empresa; en concreto, que a dirección de Viriato S. A. adopte unileralmente decisións, como o fraccionamento das pagas, sen as negociar coa representación legal das traballadoras e traballadores.

Precisamente, ante a actitude «construtiva» que a parte social amosou neste conflito, para CCOO resultan «inadmisibles e censurables» unhas aseveracións do responsable de recursos humanos da empresa, quen responsabilizou o sindicato e o persoal da situación actual.

CCOO lembra que os problemas «non veñen de agora», pois os atrasos nos pagamentos xa se producían no 2011, e sinala que, precisamente «grazas ás medidas de presión», se puido cobrar nestes días, case a mediados de xuño, a totalidade da nómina de abril.