CCOO de Industria | 23 febrero 2025.

CCOO buscará o apoio do Parlamento galego para esixir a PSA - Citroën que retome a negociación do plan de axuste

    CCOO iniciará unha rolda de contactos cos diferentes grupos do Parlamento galego co obxectivo de trasladarlles a súa posición acerca do plan de axustes acordado este luns entre a dirección de PSA Peugeot Citroën en Vigo e o sindicato con única implantación na empresa. CCOO procurará os apoios necesarios para instar á dirección a que retome a negociación sobre o axuste.

    18/11/2014. Vigo

    CCOO porase en contacto cos responsables de PP, PSOE, BNG e AGE para concertar encontros nos que daremos a coñecer as medidas aprobadas pola empresa e o SIT: redución salarial do 5 por cento, limitacións na actualización dos salarios, reducións e eliminación en varios complementos, desaparición do plus de antigüidade, etc.

    Toda vez que a asemblea de traballadores e traballadoras do pasado sábado rexeitou o plan da empresa, cómpre forzar a PSA a que reconsidere as medidas e dea unha nova oportunidade á negociación. Segundo Ramón Sarmiento, "CCOO tende a man aos outros sindicatos de clase, que tampouco comparten a opinión da empresa e do sindicato vencellado".

    CCOO de Industria insiste en que a planta de PSA en Vigo é a empresa máis grande da industria en Galicia,  e destaca pola escaseza de compromiso cun plan industrial global. Os partidos políticos non poden quedar ausentes deste importantísimo debate para a comarca viguesa e, por extensión, para toda Galicia.